A igrexa de Nosa Señora do Rosario (en árabe: كنيسة سيدة الوردية) é unha igrexa católica de Doha (Qatar). Está situada xunto a igrexas doutras confesións cristiás no Complexo Relixioso de Abu Hamur. É a primeira igrexa construída no país dende as conquistas islámicas do século VII.
A construción da igrexa tivo un custo de arredor de 20 millóns de dólares, e foi erixida nun terreo donado polo emir Hamad bin Khalifa. Por mor da lexislación islámica qatarí, a igrexa non amosa símbolos cristiáns no seu exterior.
A igrexa foi dedicada o 14 de marzo de 2008 polo cardeal Ivan Dias, nunha cerimonia á que asistiron o vice-primeiro ministro qatarí Abdala bin Hamad al-Atia, o arcebispo Bulus Munxid al-Haxim, o vigairo apostólico Paul Hinder, o arcebispo Giuseppe Andrea, e outros cargos qatarís.
A igrexa é parte da estrutura da vigairía apostólica de Arabia setentrional, e atende aos arredor de 200.000 católicos en Qatar, moitos deles inmigrantes de Filipinas, a India, e outros países.