O lago Tana (tamén soletreado T'ana, en amhárico: ጣና ሀይቅ: , Ṭana Ḥäyq, T’ana Hāyk’; unha variante máis antiga é Tsana, en ge'ez: ጻና Ṣānā; ás veces chamado "Dembiya" após a rexión ó norte do lago) é a fonte do Nilo Azul e é o lago máis grande en Etiopía. Atópase na rexión de Amhara no noroeste do altiplano etíope. O lago ten uns 84 quilómetros de longo e 66 quilómetros de ancho, cunha profundidade máxima de 15 m, e a unha altura de 1788 metros. O lago Tana nútrese dos ríos Lesser Abay, Reb e Gumara. A área da súa superficie abrangue entre 3000 e 3500 km², dependendo da estación e das precipitacións. O nivel do lago foi regulado coa construción dun aliviadoiro onde o lago descarga no Nilo Azul. Isto controla o fluxo das Fervenzas do Nilo Azul (Tis Abbai) e da estación hidroeléctrica.
En 2015, a rexión do lago Tana foi nomeada como unha Reserva da Biosfera da UNESCO, recoñecendo a súa importancia natural e cultural.