A Vía Dolorosa (en latín: Via Dolorosa; hebreo: ויה דולורוזה árabe: طريق الآلام) é unha rúa na cidade vella de Xerusalén, pola que segundo a tradición cristiá, camiñou Xesucristo ata o lugar da súa crucifixión. A ruta parte desde a Fortaleza Antonina, no barrio musulmán ata a Igrexa do Santo Sepulcro, no barrio cristián –arredor de 600 metros—. A ruta actual quedou establecida no século XVIII, substituíndo varias versións anteriores da mesma. Na actualidade está marcada por nove Estacións da Cruz, estando as cinco restantes no interior da Igrexa do Santo Sepulcro.
O itinerario tradicional comeza xusto dentro da Porta dos Leóns (Porta de Santo Estevo), preto da localización da antiga Fortaleza Antonina, dirixíndose cara o oeste a través da cidade vella ata a Igrexa do Santo Sepulcro. Este itinerario baséase na procesión organizada polos franciscanos no século XIV.